
| Historia |
|
|
A Agrupación Folclórica “Xalgarete” nace en Vigo no ano 1987. Dous anos máis tarde, nace no seu seo o grupo de pandereteiras “Soalla” e o grupo de gaitas “Corxa”. A día de hoxe conta, ademais, cunha canteira de novos valores nos diversos grupos das escolas de baile, pandeireta e gaita, sendo a fin última, tanto das escolas, coma da propia agrupación a divulgación do noso folclore máis tradicional. Dende o principio o traballo do grupo foi orientado cara a recuperación, conservación e difusión do folclore galego, tanto no que se refire a danza, música roupa coma as diferentes manifestacións culturais ou relixiosas da sociedade galega tradicional.
![]() Todo este traballo de investigación etnográfica e de recuperación foi levado a cabo pola directora artística da agrupación, Dª María José Martínez Pérez, que xunto aos directores de grupos coma “Xacarandaina”, “Cantigas e Agarimos”, ou compoñentes de diferentes grupos de pandereteiras percorreu Galicia, sendo precursores deste tipo de investigación e forma de difusión cultural, consistente en continuas recollidas “de campo” en lugares, aldeas e vilas, nas que tratouse de recuperar pezas de música e baile, roupa e incluso os particulares xeitos de bailar, tocar e cantar. Todo este material recollido pasa a formar parte do arquivo e o repertorio da agrupación, para ser mostrado e reproducido da forma máis fiel posible. |
|
| Última actualización ( Domingo, 10 de Xuño do 2007 ) |

